Sobre o proxecto

Caneliñas, a costa das baleas é un documental interactivo sobre a factoría baleeira de Caneliñas  que ten como misión reconstruír e poñer en valor a historia desta industria ceense cun impacto tanto local como internacional a través dun documental web interactivo.

A visión do proxecto é ser un produto de referencia para toda a zona, axudando a expandir a súa historia socioeconómica mediante a experimentación de novos formatos multimedia no xornalismo.

Por último, os valores baséanse na responsabilidade social e histórica do lugar, poñendo en valor o local a través de novas prácticas xornalísticas. Uns sentimentos que nos levan a axudar a dinfundir a historia socioeconómica da zona, dándolle valor aos feitos e á propia Costa da Morte, e a crear un produto dende a innovación xornalística.               

Paula Castiñeira Iglesias (1997) e María González Figueroa (1998), veciñas da localidade de Cee e autoras do documental interactivo Caneliñas, a costa das baleas, graduaronse en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Posteriormente, logo de coincidir tanto no mesmo curso (Máster Universitario en Xornalismo e Comunicación: Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión do Coñecemento na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC) como no gusto por falar do propio, ambas deciden megullarse como Traballo de Fin de Máster conxunto na elaboración dun proxecto audiovisual e interactivo co que buscan recuperar a historia da factoría baleeira ceense.

“Caneliñas para nós sempre foi un sitio bastante emblemático que gardaba tras de si unha historia descoñecida. Nós, como moita outra xente da zona, apenas sabiamos nada sobre a baleeira e a súa relevancia para toda a zona antano.  Pareceunos moi importante visibilizar a historia industrial da zona e dar a coñecer o que foi un dos motores económicos da Costa da Morte durante moitos anos, chegando mesmo a situar a Cee no panorama internacional”.

Paula Castiñeira

Xornalista

María González

Xornalista

Agradecementos

Dende o noso pequeno altofalante gustaríanos agradecer a todos os que apoiastes dende os inicios este proxecto. Xa non só a todos os que vos involucrastes coa historia e que fixestes posible que conseguísemos atesourar todo este contido, senón tamén a todos ós que vos interesastes e nos impulsastes no camiño  da recuperación destes feitos.

Tamén, a todos os participantes e ós seus valiosos testemuños. A Álex Aguilar, base fundamental desta idea e apoio para sacala adiante, grazas por compartir con nós parte da túa historia vital e audiovisual. E finalmente, a amigos, familia e ao noso titor Jorge Vázquez, por animarnos e axudarnos a que Caneliñas, a costa das baleas vise a luz.

Especial mención a Juan Iglesias e a empresa VASPOLOAIRE por axudarnos a captar o entorno dendo o aire grazas á tecnoloxía dron. Tamén a Rafael Román, propietario actual das instalacións, polas facilidades prestadas para a realización do proxecto.