O nacemento de IBSA

A factoría entrou en funcionamento no 1951, aínda que as obras de mellora comezaran xa no 1948. Estos avances víronse freados pola falta de formación dos traballadores e a escaseza de materiais, xa que as severas restricións da posguerra facían moi dificultosa a súa adquisición.

Reproducir vídeo

O 28 de setembro de 1951 chega a Caneliñas a primeira balea desta etapa, unha femia xestante de rorcual común de 23 metros de lonxitude. Debido aos fallos da maquinaria e a inexperiencia dos operarios, o animal non puido ser transportado ata a factoría e tivo que ser despezado na propia praia. O único persoal dispoñible, dos 27 empregados totais, eran os peóns que traballaban na construcción da factoría. Nove foron destinados a este despezamento, algo que nunca antes fixeran. 

A pesar dos contratempos, a factoría converteuse nun importante elemento revitalizador da zona. A construción desta industria fixo chegar a Caneliñas a electricidade e o teléfono. O gobernador civil, presidente da Xunta Provincial de Electrificación Rural, solicitou a pedimento dos veciños de Gures un permiso para realizar unha toma que permitise levar por primeira vez electricidade á poboación. O custo foi de 1.000 pesetas por vivenda. 

Fonte: Arquivo de Álex Aguilar

Situada no extremo do muro da antiga rampa de izado, unha lámpada de cor verde avisaba aos empregados da aldea veciña de Gures que á mañá seguinte había balea e debían acudir cedo para o seu despezamento. Cando esta luz no estaba acesa, a xornada comezaba máis tarde, adicándose primeiramente a obras de mantemento da factoría.