O mercado xaponés e a conciencia ecoloxista

En 1971 as industrias de Massó Irmáns S.A. comezan a formar parte de IBSA e en 1972 levan a cabo unha relación comercial con tres empresas xaponesas para exportar a carne de balea ao Xapón, convertíndose na época máis frutífera da factoría. No 1980 a súa actividade verase alterada debido ao nacemento da conciencia ecoloxista, a favor da defensa das baleas. Os movementos ecoloxistas, as presións internacionais e a redución das capturas asignadas pola Comisión Baleeira Internacional provocarán o seu peche no 1985.

Reproducir vídeo

Fonte: Arquivo de Álex Aguilar

Nos inicios, o consumo de carne de balea foi totalmente local. Esta descompoñíase e pasaba desapercibida mentres que tanto as barbas de balea como o aceite e o guano tiñan todo o interese.

Na segunda metade do XX a chegada dos sistemas de refrixeración e conxelado permitiron a posibilidade de transportar meteriais perecedeiros e a carne de balea comezou a introducirse nos mercados españois.

Nos anos 70 IBSA comezaría a exportala ao mercado xaponés, momento no que desaparece do mercado nacional para exportarse ao país nipón na súa totalidade. Ao mesmo tempo, o movemento ecoloxista foi crecendo exponencialmente en adeptos. Mais a pesar de que xa existían varias organizacións que loitaban por un mesmo fin, non todas o facían polos mesmos medios.

Paul Watson fora un dos fundadores de Greenpeace que, logo de ser expulsado daquela organización, decide fundar o Sea Sheperd ou “O pastor dos mares”. O seu principal motivo era frear a caza baleeira empregando calquera método necesario para conseguilo.

En setembro de 1978 o IBSA UNO e o IBSA TRES permanecían atracados no porto de Corcubión mentres a tripulación se atopaba descansando nos camarotes. Ás 3 da mañá, un estoupido sorprendeu os barcos e os mariñeiros saltaron ao muelle.

Afundimento dos IBSAS en Marín por Sea Sheperd, 1980. Fonte: Greenpeace / Pierre Gleizes

 

Ao revisar os buques, puideron comprobar que aquilo fora causado por unha bomba lapa que instalaran no casco do IBSA UNO. O eixe da cola do barco viuse afectado, e este tivo que ser trasladado ao porto ceense de Brens para ser reparado. Aquel feito sería a primeira intervención desta organización en España e marcaría un antes e un despois no rumbo da baleeira. Finalmente, no 1980, os barcos serían afundidos.

Galería de imaxes